Friday 03 de May de 2024

Igualdade reitera a importancia e a necesidade de visibilizar as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía


Susana López Abella, acompañada do viceireitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e a directora da Unidade de Igualdade de Xénero da UVigo, Anabel González Penín, asistiu á presentación da Exposición das galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella reiterou hoxe a necesidade de achegar e facer visible á nosa sociedade as achegas feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía.

Susana López Abella, asistiu esta mañá á inauguración da exposición das premiadas María Josefa Wonenburger, na Casa das Campás, xunto ao viceireitor do Campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, e a directora da Unidade de Igualdade de Xénero da Universidade de Vigo, Anabel González Penín, onde lembrou que a Xunta creou o Premio María Josefa Wonenburger, para distinguir a aquelas mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.

A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de Igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro, rematou a secretaria xeral. Posteriormente, a exposición pasará polo campus de Santiago do 15 ao 30 de xuño, rematando así a xira polos sete campus galegos

Lista de premiadas
A primeira premiada co ‘María Josefa Wonenburger’ foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago; un ano despois, en 2008, recibiuno María Teresa Miras Portugal, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Complutense de Madrid; e no ano 2009 Marisol Soengas González, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

No ano 2010 a premiada foi Carmen Navarro Fernández-Valbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; en 2011 foi Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela; e en 2012 María Tarsy Carballas Fernández, edafóloga, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas.

En 2013 a galardoada foi María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, e en 2014, a premiada foi a catedrática de Enxeñería de Telecomunicación, Carmen García Mateo, sendo a última da premidas no 2015, a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola.